Arrancou a primavera e coa nova estación tamén a convocatoria dunha cita obrigada neste período, a Festa dos Maios, na que se investirán dende o concello un total de cinco mil euros co obxecto de fomentar a participación dos veciños. Así, cada maio participante recibirá 80 euros e como en edicións anteriores premiaranse as mellores composicións en maio tradicional e artístico así como as mellores coplas presentadas e as mellores interpretacións. O primeiro clasificado en cada unha das categorías recibirá 250 euros, 200 o segundo e 150 é a cantidade que recibirá o que quede en terceiro lugar. A incrición está aberta ata o luns 17 de abril
Na categoría de maio tradicional poderán participar os construídos con forma cónica ou de cruceiro a partir de materiais vexetais (especialmente fiúncho, pampullo, peonias, laranxas e flores diversas) e técnicas construtivas mecánicas non sintéticas. O resto das formas concorrerán na categoría de maio artístico.
As coplas deberán estar escritas en lingua galega e será imprescindible que cada maio conte, como mínimo, con catorce coplas das que seis serán interpretadas diante do xurado.
Non serán admitidos a concurso aqueles maios con coplas que atenten contra as máis elementais normas de civismo e respecto á honra e dignidade das persoas.
É condición imprescindible que os maios que opten ós premios soliciten a súa inscrición no rexistro xeral de entrada do Concello de Redondela (Rúa Alfonso XII, núm. 2) dende o luns 3 de abril até o luns 17 de abril de 2017.
O xurado, como en tódalas edicións, estará formado por diversas persoas cualificadas para exercer esta función presidido pola concelleira de cultura, Teresa París.
O sorteo para a localización dos maios, a orde de actuación diante do xurado e a explicación do desenvolvemento do concurso celebrarase o venres 21 de abril ás 20:30 h, no Multiúsos da Xunqueira. Os maios colocaranse nos lugares asignados no sorteo ás 11:00 h do día 1 de maio. Os concursantes actuarán diante do xurado subindo o seu maio ó palco.
Na avaliación das coplas terase en conta a retranca, o enxeño, o ritmo e a linguaxe utilizados, sendo penalizado o uso de palabras malsoantes e ofensivas. Na interpretación valorarase a posta en escena, a sincronización, a afinación das voces, a utilización de elementos de acompañamento (paus, caxatos etc.) e o uso das prendas que estean de acordo co modelo tradicional (boina, camisa branca e pantalón con remendos).