O concelleiro de Deportes, Julio Mougán, confirma que xa se mantiveron contactos con representantes do Real Club Celta de Vigo. Hai xa máis de dous meses celebraron unha xuntanza onde o club vigués manifestou que Redondela podería ser unha alternativa para a creación da súa cidade deportiva. Mougán entende que sería “un interesante proxecto” xa que podería beneficiar a moitos sectores do municipio.
Logo de que o presidente do club anunciase a marcha “irreversible” do Celta do Concello de Vigo, o foco está posto nas ubicacións alternativas para o futuro proxecto da entidade deportiva. Carlos Mouriño subliñou a falta “vontade política” por parte do Concello vigués para chegar a un acordo sobre a compra de Balaídos, polo que se abre a porta á construción dunha cidade deportiva cun novo estadio fóra de Vigo. Nos últimos días sona con forza o Concello de Mos como futura sede, pero tamén outros municipios limítrofes como Redondela. O concelleiro de Deportes, Julio Mougán, vén de confirmalo. Hai máis de dous meses mantiveron unha xuntanza con representantes do club, que amosaron o interese da entidade. O edil entende que sería un proxecto moi beneficioso para Redondela, non só a nivel deportivo senón tamén social e económico. O Celta proxecta desde hai anos a creación dunha cidade deportiva con 12 campos de fútbol, residencia e outras instalacións complementarias, que serviría tamén de sede para o filial, o Celta B. Ao proxecto súmase agora tamén a posibilidade de instalar no complexo o estadio do primeiro equipo, toda vez que o club non chega a un acordo co Concello de Vigo por Balaídos. Un centro comercial con zonas de ocio completarían o “macroproxecto” celeste. Julio Mougán explica que polo de agora tan só houbo “conversas” nas que o goberno redondelán se sentou “para escoitar” as necesidades do Celta, pero non se concretou nada. Advertiu que se o interese vai máis aló deberían ser as Comunidades de Montes as que fixeran as súas propostas, xa que son as entidades que poden dispoñer dos terreos que o club necesita. O Celta busca unha ubicación que estea próxima a Vigo e que conte con boas comunicacións, polo que o municipio redondelán cumpre con eses requisitos.