Un total de 29 colectivos sociais, os grupos políticos con presenza na corporación e as centrais sindicais CIG, UXT, CUT e USO convocan este venres en Chapela unha manifestación que baixo o lema “Pescanova somos todos” partirá ás 20:00 horas dende a zona das Catro Pontes con remate na factoría de Pescanova. O obxecto da protesta é amosar o apoio social e veciñal ás demandas dos traballadores que dende hai máis dun ano están a negociar un convenio “xusto” afastado das propostas da empresa que contemplan a rebaixa de entre un 30 e un 40% nos salarios das novas incorporacións e unha flexibilidade nos horarios que “non é admisible” segundo os sindicatos.
“Isto é un conflito de alcance social e humano importante que require da implicación política e veciñal” así o explicaba en nome da Asociación de Veciños de Chapela Guillermo Fontán na convocatoria conxunta que colectivos, políticos, sindicatos e traballadores facían na mañá hoxe no Concello de Redondela. O obxectivo é animar a toda a cidadanía a se mobilizar o vindeiro venres para reclamar un convenio xusto para os traballadores de Pescanova xa que as pretensións da empresa “son dunha enorme inxustiza contra a clase traballadora, sobre todo, cando estamos a falar dun sector con perspectivas de crecemento, malia o cal se escudan na escusa da crise para empeorar as condicións laborais dos traballadores, que ven ameazado o seu futuro dun xeito inxusto e arbitrario”. Dende Modepen, Movemento Galego pola defensa do sistema público de Pensións,Gonzalo Balo criticaba tamén o inmobilismo da empresa na negociación e que se queira “cargar a crise provocada polos antigos directivos da empresa e trasladar aos traballadores con medidas que pasan por rebaixar os salarios e unha inconcreción nos horarios que imposibilita a conciliación”. Unha manifestación que se produce en medio da negociación que sindicatos e empresa manteñen coa mediación da Inspección de Traballo. De feito, as centrais sindicais están a espera de que nos vindeiros días a mediación laboral lles dea unha resposta ás peticións recentemente presentadas e das que se descoñecen os datos concretos “porque a confidencialidade na oferta é unha das condicións impostas pola mediación” segundo explicou Suso García da CIG. Confían en que antes de rematar o mes se produza alguna novidade “a situación actual non se pode prolongar máis, paralizamos as protestas coa condición de que se avanzara na negociación”.