Os traballos da primeira fase, un tramo dun quilómetro na avenida de Vigo, están xa en marcha. As obras de humanización teñen un prazo de execución de 18 meses, e faranse en tramos de 100 metros. Contan cun orzamento de 2,3 millóns de euros.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e do alcalde, Javier Bas, supervisaron esta mañá o inicio das obras de reforma da Travesía de Chapela. O rexedor salientou que a parroquia experimentará “un cambio integral” para facer deste centro urbano unha zona máis “humanizada e amable para os veciños”. Ampliaranse as beirarrúas e renovaranse a iluminación e as redes de subministro de auga. A conselleira salientou que se trata da primeira fase dunha obra que beneficiará aos veciños da parroquia, creando novas zonas de lecer e convivencia, ao tempo que mellorará a seguridade viaria tanto no acceso a Pescanova como na baixada a Arealonga. As obras de reforma eliminarán nesta primeira fase unhas 70 prazas de aparcadoiro. O proxecto inclúe a reforma da parte baixa da alameda, coa eliminación dun pequeno parque infantil e a reordenación das prazas de estacionamento. O Concello negocia tamén con Fomento e Adif a cesión de terreos na antiga estación de Renfe para crear unha zona de aparcadoiro, que confían poida ser unha realidade “a curto prazo”. As obras de humanización teñen un prazo de execución de 18 meses, e faranse en tramos de 100 metros. Contan cun orzamento de 2,3 millóns de euros.