Despois de pasar por diferentes localidades galegas, chega á sala de exposicións do Multiusos de Arcade a mostra fotográfica “Exodus, a procura do refuxio”, dos fotógrafos vigueses Felipe Carnotto e Adrián Irago. A mostra recolle unha selección de fotografías realizadas entre os meses de setembro e outubro de 2015 coa que os autores documentan as vivencias dos refuxiados que foxen de diferentes conflitos bélicos e tentan chegar á illa de Lesbos para atravesar despois os Balcáns e buscar un novo fogar en Europa.
A colección inaugurouse na mañá de onte coa participación do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, a edil de Cultura, Dores Cernadas, e os deputados provinciais Digna Rivas e Javier Divos. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, explicou que os protagonistas destas imaxes “escapan do horror da guerra arriscando as súas vidas, buscando paz, esperanza e solidariedade. É unha das grandes traxedias do mundo en que vivimos e esta mostra permítenos coñecer esa realidade de primeira man e achegala á cidadanía”.
A exposición poderase visitar de maneira totalmente gratuíta ata o 10 de maio no horario habitual do edificio Multiusos.