O deputado nacionalista Luís Bará visitou o entorno do colexio co obxecto de elaborar unha batería de medidas co fin de garantir unha accesibilidade máis segura ao centro. Co gallo de coñecer a problemática de preto reuniuse con membros da ANPA, da Asociación de Veciños e do Obradoiro de Estudios Locais Fernando Monroy, quen lle trasladaron entre outras necesidade a de construír beirarrúas e instalar medidas que obriguen aos vehículos a reducir a velocidade ao seu paso por esta parroquia. O parlamentario comprometeuse a trasladar estas demandas ao goberno.
Durante a visita o deputado nacionalista coñeceu de primeira man a situación de inseguridade que a cotío se vive nun espazo de menos dun quilómetro, onde se concentra o cruzamento dunha estrada nacional e unha provincial, o paso do Camiño Portugués, o colexio público ademais do centro cultural de Cesantes. “Pretendemos que o goberno galego demande do Estado a posta en marcha de medidas para que a xente poida desprazarse con maior seguridade neste entorno”, afirmou Bará.
A iniciativa parlamentar do BNG recolle a solicitude de construción de beirarrúas, ademais de medidas para a redución das velocidades co obxecto de que a veciñanza poida desprazarse ata o colexio ou o centro cultural sen ningún tipo de risco. “Se Fomento é o titular dunha estrada cunha elevada intensidade de tráfico, debe garantir a seguridade poñendo orzamentos enriba da mesa”, afirmou.
O paso do Camiño Portugués por este punto tamén constitúe outro motivo de preocupación para a organización nacionalista. Consideran que o aumento de peregrinos, debe ir acompañado de melloras na seguridade viaria.
Igualmente na proposta de Luís Bará, recóllese a adquisición de terreos colindantes co centro escolar co fin de facilitar o acceso de autobuses. “Neses momentos danse situacións de perigosidade, que poden mesmo afectar á seguridade dos nenos e as súas familias”.
O voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González, comprometeuse a facer seguimento das negociacións entre Concello e Xunta, “para que as demandas da comunidade escolar sexan efectivas, no menor tempo posíbel”.