Os feitos producíronse na mañá do pasado luns, cando a Garda Civil multaba a unha ducia de vehículos mal estacionados no acceso ao colexio Outeiro das Penas na hora de entrada dos rapaces. O BNG denuncia este feito como un acto de represalia pola xuntanza mantida por representantes veciñais con Luis Bará para reclamar melloras na seguridade vial neste punto da N-550.
Dende a organización nacionalista consideran que se pretende “meter medo á veciñanza para que cale ante unha situación perigosa e á que Fomento non lle quere dar solución”. Consideran un paradoxo “que a Garda Civil estea multando, mentres os cativos teñen que cruzar a estrada nacional, sorteando o intenso tráfico, deixa ás claras o obxectivos desta campaña de Tráfico”.
Sorprendeu esta acción, que dende o BNG consideran como “represalias á visita do Deputado Luís Bará” quen se reuniu con colectivos veciñais e recolleu as súas demandas co fin de presentar unha proposición non de Lei no Parlamento Galego, para forzar a Fomento a mellorar a seguridade viaria neste entorno.
Apuntan dende a organización nacionalista que “alguén tivo que dar a orde para que se presentaran en hora punta, e mediante as sancións correspondentes, meter o medo á veciñanza”. O máis curioso para o BNG constituíuno o feito de que “no canto de estar regulando o intenso tráfico que castiga a zoa, os membros da Garda Civil, estaban multando. Algo totalmente paradóxico, e en contra de calquera lóxica”.
Aseguran tamén os nacionalistas que existe un precedente no mesmo colexio, cando as familias se mobilizaron para reclamar melloras no transporte escolar “daquela, algúns país e nais, recibiron chamadas disuasorias”.
Queren dende o BNG, amosar a súa solidariedade coa veciñanza de Cesantes, que foi “represaliada pola Garda Civil”, reafirmando o seu apoio ás súas xustas demandas para a mellora da seguridade viaria na N-550 en Cesantes.