A cita deportiva será os día 27 e 28 de maio. Os interesados en participar no campionato poderán inscribirse de xeito gratuíto, a través do correo diesemm@diesemm.com ata que se completen as prazas. A data límite para anotarse é o vindeiro mércores 24 de maio. Unha cita que se vai celebrar en medio da polémica, xa que mentres o goberno local asegura que as pistas non están recepcionadas por parte do concello por non axustarse algúns detalles ao proxecto, dende a Deputación aseguran que se atopan en “óptimo estado”.
En todo caso, o organismo provincial mantén a convocatoria para o vindeiro fin de semana cun torneo onde participarán un total de 32 parellas. A inscrición, ademais de ser gratuíta, incluirá un seguro de accidentes, hidratación durante o evento deportivo, unha camiseta conmemorativa do torneo e unha sesión de balde no centro de recuperación deportiva Oviñao Pazó.
A primeira xornada do campionato comezará o sábado 27 ás 10 da mañá e prolongarase ata ás 13:00 horas. Ese mesmo día pola tarde disputaranse o resto de partidos en horario de 16:00 horas ata ás 19:00. O domingo 28 disputaranse as finais, a primeira ás 10:00 horas e a segunda ás 11:oo horas. As parellas finalistas serán obsequiadas con trofeos.
O novo recinto, que foi financiado pola Deputación de Pontevedra cun orzamento de 550.00 €, inclúe catro canchas de pádel cun firme de microfibra de última xeración e peches de vidro e conta cunha cuberta que permitirá o seu desfrute durante todo o ano.
As novas instalacións complétanse con dous vestiarios, dos que tamén se beneficiarán os e as usuarias das pistas de tenis que se atopan no mesmo complexo deportivo, así como un espazo de aparcamento para autobuses.