As vistas dende o Castelo de Soutomaior ofrecen unha paisaxe diferente unha vez que se retiraron os máis de 300 exemplares de eucalipto cos que contaba o Castelo ao longo das súas 25 hectáreas de explotación forestal. A Deputación decidiu proceder ao alleamento da madeira destas árbores atendendo a razóns de protección medioambiental e tamén de beleza paisaxística. O organismo provincial anuncia ademias que este xoves arranca un nvo programa de visitas teatralizadas que se manterá ata finais de setembro. As entradas, a un prezo de 2 euros, poden comprarse por internet.
A empresa Troula Animación será a encargada de desenvolver as visitas teatralizadas que se retoman este xoves e que se manterán ata o 28 de setembro con sesións os luns e xoves de cada semana. A adquisición das entradas débese facer a través de ataquilla.com e teñen un prezo de 2 euros os adultos e un euros os nenos.
O organismo provincial retoma esta actividade unha vez rematados os traballos de tala dos eucaliptos existentes nos xardíns do concello. Unha actuación que se acordou por tratarse o eucalipto dunha especie invasora que propicia unha serie de consecuencias negativas para as demais árbores e elementos naturais que conviven con ela. Así, a institución provincial asegura a fin da presenza no Castelo dunha especie non protexida, que esquilma o chan, que compite excesivamente tanto en luz como en auga e nutrientes do solo e que, ademais, polas características combustíbeis da súa casca e das súas follas supón un grave risco en caso de incendio, pois provoca que se acelere a propagación do lume.