Esta fin de semana comeza a competición na modalidade raíña do remo, a traiñeira. O C.R. Chapela participará xunto co resto de clubs galegos na presentación da LGT que se celebra mañá sábado no Grove. A primeira proba puntuable será o domingo en Coruxo.
En augas mecas disputarase a primeira proba tanto na LGT A, na que participan os redondeláns, como a Liga B, ademais da Liga Feminina, que este ano conta coa participación de seis embarcacións, entre eles a de Chapela. Julio Prado, presidente do club, afirma que comezan esta temporada de traíñas con moita ilusión, e confía en gozar da festa do remo que mañá se celebra no Grove a partires das 17.00 horas. As regatas da inauguración non serán puntuables. O domingo comezará a competición real na LGT A coa XXV Bandeira Concello de Vigo, que organiza o C.R. Coruxo, e que arrancará ás 12.00 horas. A primeira das probas puntuables na Liga Feminina será o 1 de xullo, xunto coa probla de LGT A, na VI Bandeira Salgado Conxelados que organiza o club Perillo. Será unha temporada longa e moi competitiva a deste ano, que se prolongará ata o 27 de agosto. Unha liga para a que os deportistas de Chapela se prepararon previamente, cos bateis e as traiñeiriñas. Prado fai un balance positivo das embarcacións pequenas, sobre todo na categoría feminina, coa clasificación para o campionato de España.