Unha manifestación organizada polo IES de Teis en memoria de Dani Beltrán e en apoio á súa familia percorreu esta mañá o traxecto desde o instituto ata a praia de Arealonga, onde o mozo faleceu dun tiro na noite de San Xoán. Unhas 200 persoas, entre alumnos do centro, mestres, familiares e veciños asistiron á convocatoria. O director do centro, Luis Vilán, leu un manifesto e tamén se gardou un minuto de silencio. O acto rematou cunha ofrenda floral.
No manifesto, os responsables do instituto quixeron amosar o seu apoio á familia da vítima, que participou no acto, así como a súa total repulsa a actos “violentos e gratuitos” como o que acabou coa vida de Daniel. A mestra Ana Rúa, do equipo directivo, amosábase satisfeita pola alta participación no acto, mostra dunha sociedade “unida contra a violencia”, e avogou pola educación como ferramenta para facer deste “un mundo mellor”. Moitos alumnos participaron na manifestación, como Anxo, que quixo así dar o seu “total apoio” á súa compañeira Ana Beltrán, irmá da vítima, e que participou tamén no acto. Este mozo advertía que “calquera podería ter sido a vítima” xa que moitos mozos estaban en Arealonga na celebración das fogueiras esa noite. Na homenaxe participaron tamén ex alumnos do IES, como Erika, quen se solidarizaba coa familia, e lamentaba que o acusado do crime, cun longo historial de antecedentes, “non estivexe vixilado”. O suposto asasino de Dani Beltrán, o vigués José Luís Lúa, ingresou onte en prisión tras prestar declaración nos xulgados de Redondela. Dáse a coincidencia de que a Audiencia ordenara revisar a libertade do criminal xusto o día antes do asasinato.