Os novos edís, que substitúen na corporación a Jorge Varela “Chopi” (AER) e Raquel Quintáns (concelleira non adscrita) empregaron a fórmula “si prometo. Por imperativo legal” para xurar o seu cargo de concelleiro. Unha renovación de caras cando nos atopamos no ecuador do mandato que ambas as dúas formacións políticas comprometeran no seu programa electoral. De feito, os cambios na Agrupación de Electores continuarán coa entrada de Noé Cano, Roberto Darriba e Javier Bastos en vindeiras sesións.
Do mesmo xeito que aconteceu no anterior mandato, cando o concelleiro Jorge Varela fora relevado por Alfonso Blanco transcorridos dous anos, chegou o momento do relevo dos actuais concelleiros de AER. No pasado pleno do mes de maio, renunciou xa ao seu posto de concelleiro Jorge Varela, que era substituído onte por Xosé Covelo. Ao final deste mesmo pleno, renunciaron Ricardo Figueroa e Beatriz Laíño, que serán substituídos no pleno de xullo por Noé Cano e Roberto Darriba. Finalmente, en xullo renunciará Bernardo Crespo e será substituído en agosto por Javier Bastos. Un proceso que está sendo gradual, para que a Agrupación non quede puntualmente sen representación no pleno e para que tampouco se lle proporcione vantaxe numérica ao grupo de goberno fronte á oposición nestas sesións plenarias. unha nova fase en AER que segundo din “pretende ser continuista do traballo feito no Concello polos edís saíntes, alternando os roles dentro da Agrupación nas labores que desempeñan parte dos seus membros”. Explican dende AER que “todos e todas nos consideramos veciños e veciñas igualmente capacitados para enfrontarnos tanto ao traballo directo de representación dos nosos electores e electoras no Concello, como ao traballo indirecto e anónimo que lle dá apoio aos nosos concelleiros”. Este relevo supón tamén, xa a dous anos das vindeiras eleccións municipais, un momento clave de cara a que a veciñanza se anime a achegarse a AER, a apoiar no traballo diario e a adquirir as dinámicas e a experiencia acumulada, de cara a conformación dun futuro grupo de traballo de veciños e veciñas que puidese dar continuidade á Agrupación de Electores en Redondela e ao traballo xa desenvolto ao longo destes dous mandatos.