A mostra, deseñada polo ilustrador Pepe Carreiro, permanecerá instalada ante o Concello ata o 10 de agosto co obxecto de dar a coñecer a entidade, da que o noso municipio é socio. Os paneis repasan os proxectos de desenvolvemento apoiados en países empobrecidos e as actividades de concienciación implementadas en Galicia.
A exposición “20 Anos a Fondo coa Solidariedade” estrutúrase en cinco grandes cubos de catro caras pensados para instalación en exteriores. O ilustrador Pepe Carreiro encargouse do seu deseño, cun formato moi visual, mentres que os contidos foron ideados pola Secretaría Técnica do Fondo Galego. A través destes cubos explícanse as orixes do Fondo Galego e os proxectos de cooperación desenvoltos durante estas dúas décadas. Asemade repásanse as actividades de sensibilización máis destacadas que se teñen realizado para concienciar á cidadanía galega fronte as desigualdades globais, así coma o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo ou as accións comunicativas.