Dentro da aposta que a Concellería de Deportes está a facer de cara a incrementar a oferta deportiva en Redondela, organizan en colaboración coa Asociación CAR o I tríatlon Concello de Redondela no que participarán un total de 168 deportistas. O percorrido, con inicio no peirao de Cesantes e posterior percorrido polo casco urbano e parte da estrada entre Redondela e Reboreda, obrigará a pechar as rúas do centro da vila entre as 15:45 e as 17:45, polo que se pide a colaboración veciñal.
A carreira contempla 750 metros de natación, 20 kilómetros en bicicleta e 5 kilómetros a pé con inicio no peirao de Cesantes. Será nos puntos de transición (porto de Cesantes e na Alameda) onde se produza a maior expectación por parte do público. Un percorrido que obrigará e cortar o tráfico a partir das 15:45 para garantir a seguridade dos participantes. Durante aproximadamente dúas horas permanecerán pechadas a Avenida Mendiño, Ernestina Otero, Paseo da Xunqueira, Pai Crespo, José Regojo, Xoán Manuel Pereira, a estrada PO-250 ata a farmacia de Reboreda, a praza de Ribadavia, a II República, Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín. Dende o concello agradecen a colaboración e comprensión dos veciños durante as dúas horas nas que o tráfico permanecerá pechado.