A proposta aprobada no pleno de onte contempla un investimento de 1,1 millón de euros nun total de 13 proxectos entre os que se inclúe a mellora da Alameda de Redondela, finalizar o sendeiro do Maceiras e outras actuacións entre as que destaca a humanización da Finca da Ginaria, un solar no que o Concello investirá máis de medio millón de euros. A oposición en bloque solicitou ao goberno local que deixara a proposta sobre a mesa para poder coñecer as actuacións e as previsións de gasto de cada unha das propostas. Finalmente foi aprobada “in extremis” cos únicos votos a favor do PP e a abstencións do PSOE.
Os cartos que se van investir nestas actuacións ascenden a 1.103.000 euros e proceden do remanente de tesourería “produto da boa xestión do goberno” en palabras da voceira popular Carmen Amoedo, quen insistía en que as trece propostas recollidas no proxecto “son obras necesarias para a cidadanía” e destacaba como prioritaria a humanización do solar da Finca da Ginaria, lugar no que se vai construir o novo colexio de Chapela e no que o Concello investirá máis de medio millón de euros. Enumeraba tamén outras das actuacións previstas como o aparcamento en Chapela, diferentes camiños en varias parroquias, a mellora da Alameda ou a finalización do sendeiro do Maceiras. Dende o BNG criticaban ao goberno por carecer dun proxecto global para Redondela e que se limiten a enumerar unha serie de investimentos nos que ademais botan en falta as previsións de gasto de cada unha das actuacións formuladas. En sentido semellante manifestábase o novo concelleiro de AER, Roberto Darriba quen solicitaba que o punto quedara sobre a mesa á espera de coñecer exactamente os proxectos a financiar e o custe de cada un deles. Criticaba o edil ao goberno “por recorrrer sempre ás ameazas para lograr o apoio do pleno”. Dende o PSOE criticaban tamén a procedencia deses remanentes de tesourería “que non proceden de aforrar senón de non gastar en diferentes partidas como por exemplo en servizos sociais”. O socialista Mauro González pedía tamén ao PP que o punto quedara sobre a mesa para poder así analizar cada unha das partidas de gasto previstas. Interviña no debate o propio alcalde Javier Bas para advertir da urxencia de aprobar o punto debido a que “as obras teñen que rematar a 31 de decembro do 2017 polo que os prazos están condicionados e o tempo de actuación moi xusto”. Por ese motivo entendía imposible pospoñer o debate e instaba aos resto dos grupos a reconsiderar o seu posicionamento. De feito, producíase un receso no pleno e logo de reunirse cos voceiros dos grupos dábase paso a votación na que o punto foi aprobado cos únicos votos a favor do PP e a abstención do PSOE, mentres que AER, BNG e o concelleiro non adscrito Enrique Fojo votaban en contra. Os socialistas quixeron argumentar a súa decisión “por unha cuestión de responsabilidade cos pais e nais do colexio Igrexa”.