A cooperativa redondelá pon en marcha unha iniciativa innovadora baseada nun recurso histórico da nosa bisbarra, como é a mazá. O que buscan son persoas con terras en abandono e que teñan interese en poñer en marcha algunha produción.
Dada a tradición de cultivo da mazá na zona de Redondela, apostan por este froito para recuperar terreos con plantación de variedades tradicionais. O técnico Alberte Román explica ademais que o “crecente interese da industria pola comercialización de sidras artesanais” fai deste cultivo un recurso “con moito futuro”. Poñer en valor terreos actualmente abandonados tería, suporía non só un beneficio para os seus donos, sernón tamén para toda a contorna, xa que deste xeito as leiras estarían limpas, evitando o perigo de incendios. Desde Trespés entenden que este cultivo podería chegar a ser “a actividade principal” do propietario da leira, ou ben unha actividade “complementaria” da súa renda, xa que se trata dun tipo de explotación “que non require de coidados diarios”. O proxecto ten unha perspectiva de formación “informal”. Os participantes farán diferentes visitas a produtores de mazá, empresas de transformación, sidrarías, cooperativas de produtores e viveiros de maceiras autóctonas. O obxectivo é que os propietarios de terreos que estean interesados facer a súa propia plantación, poidan coñecer a realidade do contexto do cultivo en Galicia. Haberá dúas saídas, unha á zona da Estrada e outra á zona de Chantada. No programa poderán participar un máximo de 20 persoas. Os participantes terán todos os gastos pagos, transporte e xantar no dia da visita, xa que a iniciativa está subvencionada pola Xunta de Galicia. As visitas realizaranse a finais de setembro, e haberá unha xuntanza previa en Redondela con todas as persoas seleccionadas. Os interesados deben poñerse en contacto coa cooperativa Trespés, no enderezo electrónico info@trespes.org.