Os propietarios dos terreos deberán achegarse o próximo 21 de agosto á Casa do Concello de Pazos de Borbén para iniciar as expropiacións. A senda executarase pola marxe dereita da estrada Redondela- Forzáns (PO-250), ao longo de case 820 metros de lonxitude, conectando as beirarrúas de Amoedo coas existentes no núcleo de Pazos.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publicou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra a resolución pola que se convocan para o día 21 de agosto aos titulares dos terreos afectados pola execución dunha senda entre as travesías de Amoedo e Pazos de Borbén, na estrada PO-250, para o levantamento de actas previas á ocupación. Os propietarios dos terreos afectados deberán achegarse á Casa do Concello de Pazos de Borbén, entre as 9.30 e as 12.30 horas.A Consellería de Infraestruturas e Vivenda executará unha senda na marxe dereita da estrada PO-250 (Redondela-Forzáns) de case 820 metros de lonxitude, que conectará as beirarrúas de Amoedo, no punto quilométrico 6+500, coas existentes no núcleo de Pazos. O proxecto conta cun orzamento que supera os 220.000 € e o investimento estimado para as expropiacións é de case 20.000 euros. O trazado terá un ancho de 4,4 metros, cunha senda de 2,5 metros de ancho separada da calzada por unha cuneta de seguridade, unha zona axardinada e os bordos de separación; salvo nos últimos 70 metros, na zona urbana de Pazos, na que a sección se reduce eliminando a cuneta e a banda vexetal. Como obra complementaria executaranse dous muros de contención. Coa execución desta senda existirá un itinerario peonil continuo nesta estrada entre Amoedo e Pazos, xa que estes núcleos urbanos xa contan con beirarrúas.
Esta actuación forma parte do Programa de Sendas de Galicia, que contempla 9 itinerarios na comarca de Vigo, sumando un total de 12,5 quilómetros e un orzamento que supera os 4,3 millóns de euros.