O Xulgado de Instrución número 2 de Redondela decretou onte o ingreso en prisión de Fernando C.M.S. de 67 anos de idade acusado de intento de asasinato, ameazas, violencia no ámbito familiar e tenencia ilícita de armas. Lembramos que os feitos tiveron lugar na noite do pasado domingo cando se escoitaron disparos no interior da vivenda na que residía o detido xunto coa súa parella e o fillo desta. Segundo transcendeu o acusado tería intentado disparar contra o mozo pero a muller o tería impedido dándolle un golpe ao agresor.
Na xornada de onte o detido pasou polos Xulgado de Instrución número 2 de Redondela, negándose a prestar declaración. A xuíza decretou o seu ingreso en prisión preventiva comunicada e sen fianza despois de escoitar a versión das vítimas. Ditou tamén orde de afastamento e a prohibición de comunicarse tanto coa nai como co fillo, que xa dende o domingo e grazas ao protocolo do CIM (Centro de Información ás Mulleres) de Soutomaior, pasaron a noite nun domicilio seguro.