Hoxe é Venres 29 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O CD Choco amosa o seu pésame polo falecemento de Cándido Orge “Ducho” cofundador do Club

RR_Noticias

Cándido Orge “Ducho” falecía na xornada de onte aos 90 anos de idade. O Club Deportivo Choco rende homenaxe e lamenta a perda “dunha figura de importancia incalculable na historia da entidade” da que foi cofundador xunto ao seu irmán José Orge “Sesé”. Hoxe ás 15:45 sairá un autobús dende a praza da Farola ata o tanatorio de Maño. Ás 17:00 horas oficiarase o funeral na Igrexa de Santiago de Redondela.

O presidente do CD Choco, Iván Crespo lembraba a figura de Ducho: O amor de Ducho polo fútbol e por esta entidade foi moito máis alá de establecer unha sinatura. Durante anos foi alma do Choco, home que levou o peso da entidade e que viviu por e para o club. Encargado das cuestións do equipo no campo de Santa Mariña e cando pechaba a instalación, trasladábase á oficina na praza da Constitución. Nos inicios compartiu moitas horas con Sesé e con Secundino e Sitos, tamén irmáns e xogadores do primeiro equipo. Directivo, adestrador do conxunto xuvenil e tamén un pioneiro como -director deportivo-, cando non existían. Isto é porque pasaba moitos domingos pola mañá na pista da Xunqueira onde os nenos en idade infantil xogaban os seus partidos. Cando chegaba ó inicio da tempada, aqueles rapaces que amosaban máis habilidades eran os que tentaba fichar Ducho para incorporalos ó equipo xuvenil. En definitiva, un home fundamental na historia do Club Deportivo Choco dende a súa fundación, en xuño de 1953. Onte, os 90 anos, finou Ducho, pero o seu traballo quedará para sempre na memoria de centos e centos de redondeláns que pasaron polos distintos equipos da entidade. E tamén, polo intenso traballo de persoas como Ducho nos inicios, que sempre son duros, agora o Choco vive o que, probablemente, é o mellor momento da súa historia. Traballar cada día con amor e dedicación o club é a mellor maneira de honrar a memoria de Cándido Orge “Ducho”. Sempre estará no corazón do Choco  

Iván Crespo CD Choco
Fainos unha semblanza do cofundador do Choco
Homenaxe en Santa Mariña
No próximo partido o equipo lembrará a Ducho e gardará un minuto de silenzo

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará