O BNG de Soutomaior fai un chamamento para que a veciñanza participe este domingo ás 10.30 horas da mañá na marcha que sairá da explanada do parque dos cans de Arcade en dirección a Vilaboa para demandar unha senda verde no trazado das antigas vías do tren. Unha inciativa dos colectivos A Golpe de Pedal e Pedaladas que se completa con dúas marchas en bicicleta, unha dende Chapela ás 12:30 horas ata vigo e outro que percorrerá a distancia que sepra Pontevedra de Vigo.
O portavoz do BNG en Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu o traballo e o esforzo dos colectivos convocantes Salinas do Ulló,Pedaladas e A golpe de Pedal aos que trasladou todo o seu apoio e disposición para reivindicar unha causa xusta e boa para a veciñanza como a de contarmos cunha Vía Verde no antigo trazado das vías do tren.
Nese sentido o portavoz nacionalista sinalou que “o goberno non pode seguir facendo ouvidos xordos ante esta reivindicación” e explicou varios dos agravios aos que está sendo sometido Soutomaior polo Ministerio de Fomento. “Estamos atravesados por unha N550 que é das que ten máis tráfico de Europa, temos un pésimo servizo de tren de proximidade, sen frecuencias e con prezos intolerables; e por se isto fose pouco, pagamos as peaxes máis caras do estado. E ante esta desfeita, cando existe a posibilidade de ter unha senda verde como en tantos outros lugares, o goberno prefire que estea devorada polas silvas e os escombros antes que facer un moderado investimento para que os veciños gocen desta infraestrutura.”