A pretensión dun grupo de veciños de asistir a reunión que estaba previsto se celebrase onte no Multiúsos do Piñeiral e a posterior ausencia dalgúns dos convocados, provocou a suspensión do Consello parroquial que se reunía de xeito extraordinario. O único punto da orde do día era debater unha moción “para o próximo pleno do Concello para tratar o estudio de viabilidade técnico xurídica e económica do edifico de entrada á autopista, para dedicalo a servizos municipais e sociais para a poboación de Chapela”.
Aseguran dende a asociación de veciños que a pretensión do presidente do consello, o popular Miguel Angel Alvarez, era non permitir a asistencia de público a esa reunión “alegando que era un consello pechado”. Sen embargo “a lei establece que todo os órganos de participación cidadá teñen que ser públicos” explica o presidente da Asociación de veciños Marcial Pérez, quen engade que finalmente si se respectou a normativa e permitiron a presenza dun grupo duns 20 veciños. Unha decisión que, lonxe de calmar os ánimos, provocou malestar entre algúns representantes dos colectivos, nomeadamente os membros da Asociación de Afectados pola AP-9 quen decidiron ausentarse da reunión e, finalmente, o Consello Parroquial non chegou nin tan sequera a constituírse. Unha reunión que non chegou celebrarse e que buscaba, segundo explica Marcial Pérez “cambiar o uso do edificio da Puntela a uso dotacional, algo que os propietarios só aceptarían se, como sospeitamos, existe un acordo co goberno local para a súa compra “. Dende a Asociación de Veciños insisten que non permitirán que se avance na legalización do polémico edificio coa escusa de dotar a parroquia de locais para as asociación e colectivos “se hai cartos que se compre un edifico legal ou que se busquen locais alternativos”.