O Parlamento aprobou por unanimidade solicitar a Fomento a proposta do BNG para transformar en vía peonil e ciclista a vía férrea en desuso entre Pontevedra e Arcade. Igualmente foi aprobada, a través da incorporación dunha emenda, facer este mesmo aproveitamento entre Chapela e Vigo. A iniciativa permitiría darlle un novo uso a unha vías polas que non pasa un tren dende hai cinco anos.
O deputado por Pontevedra, Luís Bará, foi o encargado de defender a proposición non de lei co fin de solicitar ao Ministerio de Fomento a reconversión en vía verde para uso peonil e ciclista dos treitos da antiga vía férrea entre Pontevedra e Arcade actualmente en desuso. Ademais, o parlamentario tamén solicitaba colaborar cos concellos de Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa, así como Redondela e Vigo e coa deputación de Pontevedra, na redacción dun proxecto construtivo e no estudo dunha estrutura administrativa para a xestión e conservación desta vía que discorre por estes concellos.
Bará explicou que a transformación desta antiga vía nunha senda verde para uso peonil e ciclista permitiría crear unha nova infraestrutura de aproximadamente 10 km, aproveitando o trazado da vía férrea agora en desuso. No caso do treito entre Arcade e Figueirido, o aproveitamento do antigo trazado sería doado xa que discorre completamente separado do novo trazado do TAV. No caso do treito Figueirido-Pontevedra caben dúas opcións: transformar en vía verde a antiga vía férrea, ou aproveitar as vías de servizo paralelas ao trazado do Tren de Alta Velocidade.
O deputado do BNG tamén se referiu a dous treitos entre Pontevedra e Vigo dos que dixo “son perfectamente reconvertibles”, un entre Figueirido e Arcade con 5Km e 8Km e outro entre Chapela e Vigo.
En cinco anos, argumentou Bará, “non pasa ningún tren nin vai pasar” por esas vías, polo que é necesario dar utilidade a estes espazos con alternativas viables para a mobilidade do transporte “como a que hoxe defendemos aquí”.
A vía verde permitiría aos usuarios e usuarias desprazarse dende Paredes, Arcade, Figueirido ou Vilaboa “en tempos razoables e, con bo tempo, mesmo camiñando”, concluíu.