O concelleiro de Interior da por controlado o lume que durante máis de 24 horas afectou ao noso concello, principalmente á parroquia de Reboreda, aínda que os traballos dos servizos de emerxencia continúan nalgún foco “hai que estar atentos e vixiantes neses puntos que non están completamente apagados para evitar que se reactiven”. Na mañá de hoxe un dos puntos de atención era o Camiño Río de Xans no límite entre Reboreda e Quintela e a estrada que comunica o Altos dos Valos con Nespereira.
A auga comezaba a caer na nosa comarca ao redor das cinco da madrugada, unha chuvia feble que serviu para apagar o único lume que a esas horas aínda estaba activo en Reboreda, na zona da Senda da Auga en Santo Paio de Arriba. Precisamente Reboreda, a onde chegou o lume procedente de Pazos, foi unha das parroquias máis afectada polas lapas. Incluso a policía chegou intervir nalgún momento para retirar aos veciños que estaban a colaborar na extinción do lume e evitar posibles danos persoais. Dende o Concello, Arturo González quixo salientar a “intervención exemplar dos veciños, dos servizos e operativos de emerxencias (Grumir, policía, bombeiros e brigadistas) e tamén a solidariedade de moitos que ofreceron comida e bebida aos que estaban a traballar.