Unha vez máis as bibliotecas do noso concello veñen de recibir un premio María Moliner dotado con 1.700 euros grazas as súas actividades de promoción á lectura entre as que se atopa a colaboración semanal que realizan na Radio Municipal. Un premio que investirán na adquisición de novidades editoriais para a sala de lectura. Un servizo que promove intensamente a lectura entre os máis pequenos con actividades como a que se desenvolverá hoxe venres ás 18:30 horas en Chapela, cun contacontos a cargo de Raquel Queizás.
“Romaría: contos e lendas da nosa terra” é o título do espectáculo que ofrece a contadora e actriz Raquel Queizás este venres 27 ás 18:30 horas na Biblioteca de Chapela no Multiúsos do Piñeiral. Orientado a rapaces a partir de 3 anos está enmarcado dentro das actividades de conmemoración do Día das Bibliotecas. Propostas de animación á lectura que veñen de ser recoñecidas polo Ministerio de Cultura coa concesión dun dos premios María Moliner dotado con 1.706 euros. Uns premios que teñen por obxectivo premiar a aquelas bibliotecas en municipios de menos de 50.000 habitantes que leven a cabo un proxecto único que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecaria, a integración social , así como o uso das novas tecnoloxías.