Os representantes da asociación solicitaron a Xunta e Concello que se manteñan vixiantes para garantir que os acordos alcanzados con Audasa se cumpran definitivamente “o que redundaría nunha redución das molestias que se causa aos veciños de Chapela coa ampliación” e solucionen algunhas reivindicacións históricas de mellora de comunicacións e servizos en Chapela e Trasmaño. Unha reunión na que se puxo unha vez máis sobre a mesa a eliminación da peaxe en Rande e a apertura dunha saída en Torres de Padín. Demandas que recentemente se escoitaron tamén na rúa nunha manifestación convocada conxuntamente polas Asociación de veciños de Chapela e Teis.
A Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, recibiu aos representantes da Asociación de Afectados pola Ampliación da Ap-9 aos que acompañaron o alcalde de Redondela, Javier Bas, xunto con outros representantes do goberno local. Na xuntanza os representantes da Asociación “trasladáronlle á conselleira a súa satisfacción polo dialogo fluído que veñen mantendo de maneira permanente co Concello de Redondela que serviu para camiñar xuntos na resolución de moitas das reivindicacións expostas por este colectivo en relación á ampliación da AP-9”.
Tanto os representantes veciñais como o alcalde coincidiron na necesidade de avanzar na eliminación da peaxe de Rande ao considerar que é un agravio inxusto que prexudica a competitividade de Chapela e do conxunto da comarca de Redondela e reivindicaron a necesidade de proceder á apertura do a saída de Torres de Padín o que aliviaría considerablemente os problemas de tráfico que está a sufrir Chapela.
A conselleira Ethel Vázquez recoñeceu “a xustiza das peticións realizadas desde o Concello de Redondela” e explicou que o foro adecuado para tratar os temas relacionados coa AP-9 é a Comisión Mixta Ministerio de Fomento- Xunta de Galicia que se reunirá proximamente.