A comparecencia de Javier Bas por petición do seu propio grupo para explicar a situación na que se atopan as obras de mellora comprometidas por Fomento e Audasa provocou constantes enfrontamentos co público e os grupos da oposición, quen lle recriminaron que usara o pleno “para facer un mitín na vez de convocar a comisión de seguimento da AP-9 que leva 8 meses sen se reunir”. Unha comparecencia na que o alcalde cifrou en 7 millóns a cantidade que se vai investir en Chapela, aínda que as actuacións anunciadas carecen aínda dunha data de execución, atópanse en fase de tramitación ou pendentes de autorización.
Pleno bronco o vivido onte en Redondela, con intervencións constantes por parte do publico e enfrontamentos entre os grupos da oposición e os populares que levou ao alcalde a suspender a sesión durante dez minutos. Bas salientou na súa intervención que o Ministerio de Fomento e Audasa investirán 7 millóns de euros nas parroquias de Chapela e Trasmañó como compensación polos prexuízos causados pola ampliación da AP-9. Fixo un percorrido polas diferentes actuacións previstas e a súa fase de execución. Entre elas o novo colexio “cuxos trámites no concello están xa rematados e se atopa actualmente pendente de que Audasa licite a contratación para a súa realización”. Botou man dun documento remitido por Fomento no que se inclúe a urbanización do Torreiro, Pasán e o camiño do Mouriño, a ampliación da Ponte de Trasmañó ou a ponte do Castelo, que segundo dixo suporán un investimento de 3 millóns de euros. En canto ao Castelo de Rande adiantou que está en fase de estudo a súa posta en valor cun investimentos aproximado de medio millón de euros. E referiuse tamén ás pantallas acústicas tan demandadas polos veciños para diminuír o ruído que padecen nesa parroquia polo paso constante de vehículos pola autoestrada “Audasa ten xa elaborado un estudo sobre esta actuación que coñeceremos en breve”. Actuacións todas elas que carecen de prazos de execución o que volvía provocar a indignación dos grupos da oposición sobre todo cando Bas recoñeceu que o documento que ten no seu poder “non é oficial” polo que segundo advertiron dende a oposición “todo pode quedar en papel mollado”.