Dende o pasado día 21 e ata o 31 de decembro o Apalpador e a Apalpadora están a visitar os concellos de toda a provincia. Na nosa bisbarra estará este mércores ás 19:00 horas no Concello de Soutomaior. En total, este espectáculo organizado dende a Deputación visitará 26 concellos, entre os que non se atopa o de Redondela. A ausencia do noso municipio neste calendario leva ao BNG a criticar ao goberno local, xa que ao seu entender este “é un novo capítulo da absurda loita encetada por Javier Bas contra o organismo provincial”.
O Apalpador/a, constitúe un elemento singular das crenzas populares galegas, que como no caso do Samaín, fóronse abrindo camiño, entre toda unha xeira de figuras vendidas polos medios de comunicación e importadas doutras culturas, como o caso de Papa Noel (invento dunha coñecida marca de refrescos). Co gallo de potenciar esta figura dende a Deputación organízase un programa que permite que o Apalpador e a Apalpadora visiten aos cativos da provincia. Unha visita que non terá parada en Redondela. Aseguran dende o Bloque que esta ausencia “débese ao enfrontamento do goberno local coa Deputación e critican que o goberno de Javier Bas estea máis interesado en fomentar iniciativas “caritativas” que teñen máis a ver co seu modelo ideolóxico da caridade mal entendida que outras propostas que promoven a recuperación e posta en valor de tradicións como a deste personaxe”.