A Asociación de veciños desta parroquia entende que non sería de recibo ver ao alcalde, Javier Bas na inauguración dunha autoestrada que deixa a parroquia de Chapela gravemente afectada sen reposición de servizos, cun colexio do que aínda non hai colocada nin a primeira pedra e con camiños practicamente intransitables. “Fomento anuncia investimentos por valor de máis de 11 millóns de euros pero a día de hoxe todo o que prometeron segue pendente” explica o presidente da Asociación Marcial Pérez, quen adianta que convocarán novas mobilizacións a partir de xaneiro.
“Nin o Ministerio nin Audasa fixo absolutamente nada polo de agora para compensar a Chapela polo prexuizos sufridos coas obras de ampliación, seguimos sen reposición de servizos, cos camiños levantados, do prometido colexio non se colocou nin a primeira pedra e, a dous días da inauguración da ampliación, Fomento envía unha nota de prensa para que a xente non se revele”. Son palabras do presidente da Asociación de Veciños que se amosa molesto cunha inauguración que “só busca que Audasa poida aplicar os incrementos nas peaxes mentres nós seguimos con camiños cortados e sen pantallas acústicas”. Ante esta situación instan aos políticos de Redondela a sumarse ao boicot dos alcaldes do Morrazo, quen xa adiantaron que non irán á inauguración de mañá na que estará presente o presidente da Xunta Mariano Rajoy.