O Netos da Coca, da Primeira de Veteranos, mantense na terceira praza do grupo co obxectivo de mellorar o posto de subcampión que acadaron a pasada temporada. Veñen de recibir unha homenaxe por parte do Grupo Casa Paco, e o día 13 volven á competición oficial ante o Bar Carocha.
Manuel Conde, presidente do Casa Paco, entregoulles a pasada fin de semana unha placa conmemorativa polos seus 44 anos de historia. Foi despois dun partido ante un combinado de ex-xogadores do Casa Paco no que gañaron por 6-4. Jose Fervenza, presidente do club, sinala que “o de menos foi o resultado”, xa que o importante era o recoñecemento a unha entidade que acumula máis de catro décadas levando o nome de Redondela polos campos de fútbol galegos. O Netos da Coca naceu no Nadal de 1973, cando un grupo de amigos decidiu poñer en marcha un equipo no que poder xogar os veteranos. Durante 44 temporadas ininterrumpidas acadaron o obxectivo, e hoxe contan cun plantel de 24 xogadores con idades comprendidas entre os 30 e os 49 anos. Actualmente militan na Primeira Galega de Veteranos. Logo do descanso de Nadakl volven á competición o 13 de xaneiro, cando se enfrontarán en Redondela ao Bar Carocha, de Campo Lameiro. Fervenza confía nunha vitoria, dada a complicada situación do rival, nos últimos postos da táboa. O seu obxectivo é gañar o campionato, lodo de quedar ás portas do título a pasada temporada. Agora ocupan a terceira praza, a falta dunha xornada para rematar a primeira volta. Están a tres puntos do segundo clasificado, o Portonovo, e a cinco do líder, o Merendero.