A Xunta de Galicia dará traslado este martes 23 ao Ministerio de Fomento, na reunión que se celebrará da Comisión mixta para a xestión da Autoestrada do Atlántico (AP-9), dunha “alternativa viable” para a supresión da peaxe entre Redondela e Vigo. Así o explicaba este sábado a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, quen avanzou que será este martes cando se celebre a que será a terceira reunión da Comisión Mixta e na que a Xunta de Galicia tentará concretar co Ministerio de Fomento novos compromisos para aliviar a carga económica da AP-9 aos seus usuarios.
A titular de Infraestruturas lembrou que desde a Xunta de Galicia leva “traballando moitísimo tempo para conseguir esa liberación de peaxe aos veciños e as empresas da área de Vigo para os seus desprazamentos entre Redondela e Vigo”, de modo que na reunión da comisión prevista para o martes a “Xunta levará unha alternativa viable” para que “os usuarios da AP9 en Redondela poidan transcorrer e facer os seus movementos libres de peaxe”. Avanzou a Conselleira que confía en que exista “sensibilidade” sobre esta cuestión por parte do Ministerio de Fomento, puntualizando que o propio ministro, Íñigo da Serna, xa trasladara ao presidente da Xunta de Galicia a intención de “entre todos buscar unha alternativa viable para eliminar esa peaxe e que a área de Vigo sexa tan competitiva como o resto”.