Alumnos dos obradoiros de emprego nas especialidades de cantería e xardinería traballan xa na parcela na que se ubicaba o antigo edificio de Fenosa no Paseo da Xunqueira. O traballo prolongarase durante dous meses e consistirá no acondicionamento deste espazo que se converterá “nunha zona de descanso e recreo, aberta ao viaduto”.
A Concelleira de emprego, Carmen Amoedo asegura que o resultado será “sorprendente” porque o obxectivo é crear un novo concepto de xardín, máis moderno respecto dos existentes no concello, acondicionando así un solar que permanece baleiro dende que hai máis de dous anos se derrubara o edificio de Fenosa. Para realizar esta obra cóntase coa colaboración tanto do alumando de cantería como o de xardinería, alumnos do obradoiro de emprego que están a aprender estas especialidades nas clases que se imparten no pazo do Pousadouro. As obras deberían rematar, segundo as estimacións da concelleira, no prazo de dous meses.