Arranca a cuarta edición do ciclo de música nas igrexas organizado pola Concellaría de Cultura e faino cun concerto a cargo da Orquestra Divertimento quen actuará este sábado día 10 ás 19:00 horas na Igrexa de Santa María de Reboreda. O programa complétase con actuacións nas igrexas de Cesantes, Redondela e O Viso.
A Orquestra Divertimento, formación musical nacida no ano 1999 en Ponteareas co obxecto de divulgar a música orquestral, ofrecerá un concerto de balde o vindeiro sábado ás sete da tarde na Igrexa de Reboreda. Unha actuación coa que arranca o ciclo Pórtico Sonoro que se prolongará durante as próximas semanas.
A seguinte das citas será o domingo 25 tamén as sete tarde na Igrexa San Pedro de Cesantes, cunha actuación a cargo do Coro Rías Baixas.
Haberá que esperar a abril para poder asistir a outras das actuacións previstas no ciclo. Será o día 7 dese mes cando actúa na Igrexa Santiago de Redondela o Cuarteto Musicantes.
Pechará o Pórtico Sonoro o Cuarteto Alicerce cunha actuación o sábado 28 de abril na Igrexa Santa María do Viso.
O obxectivo deste ciclo é divulgar a música culta achegándoa a distintas parroquias do concello, aproveitando elementos do patrimonio que pola súa acústica, tamaño e valor artístico poden acoller concertos de música sen amplificación nin medios técnicos.