O actor redondelán Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” resultou gañador da edición deste ano do premio Maruxa Villanueva que concede o concello de Padrón. O xurado, composto por Afonso Becerra, Carlos Biscainho, Comba Campoy, Inma López Silva e Roberto Pascual, decidiu outorgar o premio ao veterano fundador da compañía de títeres Tanxarina recoñecendo así a súa longa traxectoria no mundo da interpretación.
Tatán, ademais dun recoñecido e histórico profesional, foi o impulsor dos primeiros festivais de títeres de Galicia -nomeadamente o de Redondela, do que foi director durante varios anos- e un incansable loitador pola dignificación do oficio de titiriteiro. Tamén é un precursor, no noso país, na defensa do teatro de monicreques para adultos, tal e como lembran dende a organización do premio. Ademais dende a súa fundación en 1983, Tanxarina converteuse nun referente imprescindible do teatro de títeres dentro e fóra de Galicia, combinando a manipulación de monecos con traballo actoral, música e animacións diversas.
Un traballo na compañía titiriteira que Tatán foi compaxinando con outras actuación tanto en teatro como en cine durante a súa longa carreira profesional.
O concello de Padrón outorga o premio Maruxa Villanueva dende o ano 2001 e, entre os gañadores, atópanse, María Barcala, Gustavo Pernas, Mónica Camaño, Luísa Merelas, Xose Manuel Olveira “Pico”, Roberto Vidal Bolaño, Susana Dans… e outros moitos referentes da escena galega.