O grupo Tangata celebra esta data tan especial cun concerto o 3 de marzo no Multiúsos da Xunqueira. A formación, liderada polo redondelán Alberto Vilas, contará para a presentación do seu novo disco coa colaboración de Uxía Senlle e Tatán. Na mesma xornada inaugurarase unha exposición fotográfica na que se fai un percorrido pola historia desta formación dedicada ao tango.
“Que 30 años no es nada…” é o cuarto disco de Tangata no que se recollen tangos históricos aos que a formación lles imprime o seu selo máis persoal. Temas como “El día que me quieras” interpretado por Uxía Senlle, Melodía de Arrabal, La última curda, Chiquilín de Bachín son algúns dos que imos atopar neste traballo que o vindeiro día 3 de marzo poderemos escoitar en directo nun espectáculo no que non faltará o baile e que terá lugar no Multiúsos da Xunqueira. A elección de Redondela para presentar oficialmente o seu novo disco non é casual, xa que a formación leva ensaiando no noso concello dende os seus inicios no ano 1988. No escenario estarán os integrantes habituais do grupo: Artigas Anelo no bandoleón, David Veiga no violín, Alberto Vilas no piano, Gustavo Barcia no contrabaixo e Enrique Migliarini na voz, unha formación que chegou ata aquí logo de moitos anos de “insistir e resistir”. Tampouco faltará a esta cita Laura Quintillán, quen non puido formar parte do disco pero no que está moi presente, xa que os seus compañeiros decidiron dedicarllo. Unha dedicatoria que recibía emocionada “que me chegou nun momento no que a necesitaba”. Amosaba a súa satisfacción por poder estar presente no concerto do vindeiro mes para interpretar eses tangos “que forman parte da miña vida dende que tiven que abandonar Uruguay, é a parte do meu país que non me puideron arrebatar”. Música popular que logrou abrirse oco tamén entre a música culta e que gusta a un público interxeracional. De feito, nestes 30 anos teñen percorrido escenarios de toda España e Portugal, actuando en salas modestas pero tamén en grandes teatros e acadando o favor do público. Un calor que esperan sentir o día 3 de marzo en Redondela no concerto que, en palabras da concelleira de cultura Teresa París, “é un dos eventos máis salientable da programación cultural do ano”. Na mesma xornada inaugurarase una exposición que se poderá visitar durante todo o mes de marzo. Un percorrido fotográfico obra de Ana de Francisco por estas tres décadas de música. As entradas para o concerto poderanse retirar a partir da vindeira semana no propio Multiúsos a un prezo de 12 euros en venda anticipada, e 15 euros na billeteira no propio día da actuación.