As tensións e enfrontamentos que se vivían no grupo de goberno en Pazos de Borbén levaron a xa exedil popular a presentar a súa dimisión. Unha decisión que supón un duro golpe para o goberno de Andrés Iglesias, ao quedar en minoría, con tan só 5 concelleiros dos once que conforman a corporación municipal. Un enfrontamento que se cobra tamén outra vítima política. O suposto autor da agresión verbal a Domínguez, o popular César Gómez, quen presentará a súa dimisión na próxima sesión plenaria.
A decisión da concelleira, que continuará na corporación como edil non adscrita logo de que así se acordase no pleno celebrado este luns, é froito das malas relacións entre os membros do grupo de goberno. Concretamente a edil tería tomado esta decisión logo de recibir tanto ela como outra concelleira popular, Teresa Barral “graves insultos e ameazas por parte de César Gómez no transcurso dunha reunión de traballo do grupo popular”.
A renuncia da concelleira Lorena Domínguez producíase no pleno celebrado onte no Concello de Pazos e supón un revés para o popular Andrés Iglesias xa que deixa ao seu goberno en minoría con tan só 5 concelleiros dos once que conforman a corporación municipal. O resto da corporación confórmana os 4 representantes da Agrupación de Electores Alternativa Veciñal, o concelleiro elixido polo PSOE e agora, tamén na oposición, a ex compañeira de goberno, Lorena Domínguez.
Precisamente, o principal grupo da oposición, Alternativa Veciñal, aplaude a dimisión de César Gómez, que debería facerse efectiva na próxima sesión plenaria “unha persoa que amosa comportamentos violentos, lanzando graves insultos e ameazas de agresións físicas non é digna de ostentar un cargo público”. Con todo, entenden que non é suficiente esta dimisión xa que “por dignidade e decencia deberían tamén dimitir todas as persoas que calaron para agochar estes feitos amparando a quen agride e deixando desprotexidas ás agredidas: o alcalde, Andrés Iglesias, e os tenentes de alcalde, Severino Reguera e Francisco Amoedo”.