O Concelleiro do BNG, Xoán Carlos González lembra que malia ser a construción do patio cuberto deste centro educativo unha das promesas electorais de Javier Bas cando se presentou á alcaldía por primeira vez, “recoñecían no pasado pleno de xaneiro que non van afrontar esta obra por tratarse dunha actuación que corresponde á Xunta”. Para o BNG este feito amosa o engano do Partido Popular á comunidade educativa, “porque nunca tiveron vontade para facelo”.
A demanda da construción da cuberta para o patio co fin de que os máis de catrocentos alumnos e alumnas puideran gozar dun espazo de xogo, nos días de choiva, contou cun importante apoio social. Dende acordos asemblearios, recollida de ata 3.000 sinaturas, mobilizacións ante a Xunta, tanto en Vigo como en Compostela, acordos plenarios. Daquela, o candidato Javier Bas recollera esta demanda como promesa electoral. “Unha vez que chegou a alcaldía todo foron escusas, mesmo ameazas por considerar que a ANPA estaba politizada”, asegura o edil nacionalista.
Segundo Xoán Carlos González “manipulouse e enganouse á comunidade educativa co único fin de apañar votos, para máis tarde desentenderse dos seus compromisos”. Considera que se está a castigar ás familias e alumnado por seren tan reivindicativos nunha proposta lóxica. “Agora recoñecen que nunca foi competencia do Concello, nin nunca tiveron vontade para construír o patio cuberto”.
Xoán Carlos González empraza a Javier Bas a presionar ante a Xunta de Galiza, para que o patio cuberto do CEP Santa Mariña sexa unha realidade.