Acceder á documentación que garda a hemeroteca do xornal Faro de Vigo e que se remonta ao ano 1848 xa é posible a través dos ordenadores das Bibliotecas e o Arquivo Audiovisual. Un convenio asinado entre o Concello e o xornal decano da prensa española permitirá a todos os interesados acceder a estes arquivos de carácter histórico, documental e fotográfico, así como aos seus fondos audiovisuais.
Os puntos de investigación que permitirán acceder a toda esta documentación histórica están ubicados nas bibliotecas de Redondela e Chapela así como no Arquivo audiovisual, na propia casa do Concello. O obxectivo desta iniciativa é facilitar a todos os que o desexen a posibilidade de consultar ou descargar información referente a Redondela que se remonta a mediados do século XIX. Atoparán nestes puntos documentos administrativos xerados e recibidos polo Concello dende o ano 1848 ata hoxe en día, fondos audiovisuais dixitalizados, cedidos pola veciñanza, como coleccións privadas de fotografías así como fondos en diferentes soportes que versan sobre o noso municipio e os seus persoeiros, e obras de autores locais ou que foron impresas na localidade. Unha iniciativa que busca completar as fontes documentais, bibliográficas e audiovisuais que xa obran no Arquivos e nas bibliotecas e que resultará de especial interese para aquelas persoas que estean realizando algún traballo de investigación e que queiran consultar ou descargar algún documento ou, en xeral, para calquera persoa que queira acceder a esta información. O convenio que permite ao Concello contar con este servizo ten un custe de 1.300 euros, cantidade que a Concelleira entende moi asequible tendo en conta que permitirá aos usuarios navegar e mergullarse por entre a Historia local dende o ano 1853, nacemento do xornal, ata o día de hoxe.