A aprobación destas axudas debaterase este xoves ás 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira logo de que a oposición forzase que a proposta quedara sobre a mesa no pleno extraordinario celebrado o pasado 9 de marzo. Concretamente as axudas propostas beneficiarían á Asociación Cultural e Social de Chapela, as de ámbito deportivo a favor do Club de Atletismo Redondela, a asociación Deportiva Islas Cíes-San Simón e as destinadas a financiar actividades dos clubs de remo de Cesantes e Chapela. Tamén se debaterá a subvención a favor da Asociación Cultural Millo Verde e a Asociación de Empresarios.
A corporación municipal aprobaba por unanimidade na última sesión plenaria a concesión de subvencións a diferentes colectivos sociais. Concretamente as axudas que a administración local outorga a aquelas asociacións que realizan actividades sociais como Lenda, Andaina, Cáritas ou a Asociación contra o Cancer. Tamén por unanimidade todos os grupos aprobaban axudar economicamente a outros colectivos sociais como a ONG Damán, con sede en Redondela ou a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Malia a intención do grupo de goberno de aprobar conxuntamente todos os convenios a través dos cales o Concello outorga subvencións a diferentes colectivos, a oposición obrigou a deixar sobre a mesa aquelas axudas destinadas a colectivos cuxas actividades non están enmarcadas nos Servizo Sociais. Agás a destinada a Xente Titiriteira, organizadora do Festival de Títeres, que se aprobou tamén en dita sesión. Aproveitaron dende os grupos da oposición para lembrarlle ao goberno local que “no caso de ter presentado un orzamento non tería que levar esta cuestión a pleno” e insistían en que non había motivo para aprobalas nun pleno extraordinario “non entendemos a urxencia cando en anos anteriores estes convenios foron asinados no segundo semestre do ano”. Unha petición, a de atrasar este debate, que non entendían os populares. Aseguraba a súa voceira Carmen Amoedo que “non hai ningún acordo escuro para rexeitar eses convenios” que finalmente quedaban enriba da mesa o pasado 9 de marzo e que serán un dos asuntos que se aborde este xoves ás 20:00 horas no Multiúsos.