O novo centro permitirá dar resposta á necesidade prazas de escolarización do concello e desconxestionar o CPI Manuel Padín Truiteiro. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou que o edificio estará rematado en xuño deste mesmo ano e entrará en funcionamento o vindeiro curso 2018/19.
O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado polo alcalde do Concello de Soutomaior, Agustín Reguera, e polo delegado territorial do Goberno, Ignacio López-Chaves; salientou a importancia deste investimento, que supera os 5,3 millóns de euros.
As obras, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020; supuxeron un importante traballo inicial de movemento de terras para adecuar a parcela ás necesidades do centro educativo, que ten unha superficie escalonada, co fin de adaptarse ao terreo cunha solución arquitectónica que optimice ao máximo a construción
O IES, que contará con 480 prazas divididas en 12 unidades de ESO e 4 de bacharelato, estruturouse en tres andares. No -1 situáronse os servizos comúns, como o ximnasio ou a cafetería, mentres que a planta 0 está destinada ás oficinas administrativas, a biblioteca e á área docente de secundaria. Pola súa parte, a planta 1 acolle os seminarios e o resto das aulas.
No seu interior o centro alberga 16 aulas polivalentes, 3 aulas de desdobre e 2 de apoio educativo, aula taller de tecnoloxía, aula de música, aula de informática, aula de plástica, biblioteca, 4 seminarios, 3 laboratorios, ximnasio, vestiarios e aseos, así como zona de administración con despacho de dirección, xefatura de estudios e secretaria, sala de profesores, despacho de orientación, sala de ANPAS e sala conserxería. Ademais, conta con zonas de servizos comúns como cafetería, sala polivalente así como cuartos de instalacións e de lixo.