Unha alerta por vertido a través do Servizo de Emerxencias 112 puxo sobre aviso aos técnicos da Xunta, que detectaron indicios de aportes contaminantes a un rego que atravesaba a praia de Cabanas e desembocaba na ría de Vigo
Explican dende Augas de Galicia que “o labor de inspección permitiu eliminar recentemente este punto de vertido por augas residuais no concello de Redondela”. Neste punto, os aportes contaminantes estaban a afectar á desembocadura dun rego na ría de Vigo. Neste caso, os técnicos do Plan de control de vertidos inspeccionaron a zona tras recibir un aviso a través do Servizo de Emerxencias 112. Unha vez sobre o terreo, localizaron un desaugue dunha rede de pluviais cara a un curso de auga natural que desembocaba na ría de Vigo, atravesando a praia de Cabanas. Tras informar da situación ao Concello, a concesionaria da rede de saneamento local procedeu a reparar unha fuga detectada nun colector que chegaba ata a rede de pluviais do lugar. Recentemente, persoal de Augas de Galicia desprazouse de novo ata a zona e comprobou mediante a realización das pertinentes analíticas a ausencia total de contaminación tanto na rede de augas pluviais como no propio curso de auga natural cara ao que vertía.