Os animais permanecen en custodia metidos en gaiolas no domicilio dos seus propietarios en Reboreda á espera do que decida o xulgado respecto ao seu futuro. A muller ferida no ataque, que se producía no mediodía do pasado venres nas inmediacións do Pazo de Pousadouro, permanece estable dentro da gravidade e evolucionada lenta pero favorablemente, segundo explica o concelleiro de interior, Arturo González.
A muller, unha veciña da zona da Picota de 62 anos de idade, pasaba polo quirófano logo de que unha ambulancia a trasladara ao Hospital Alvaro Cunqueiro. Unha operación que se prolongaba durante máis de cinco horas para tentar reparar as feridas que as dentadas dos cans que a atacaron lle produciran tanto en brazos como pernas. Unhas feridas que puideron ser peores de non ser pola heroica intervención dun alumno do obradoiro de emprego que se está a impartir no Pazo de Pousadouro, quen interviu logo de escoitar os berros da muller. Ivan A.S.S. de 37 anos de idade sufría tamén feridas de diversa consideración nesa intervención que fixo posible que os dous rotwaillers soltaran a súa vítima. Recupérase na súa casa logo de pasar tamén polos servizos sanitarios para que lle escaiolaran un brazo así como lle trataran a mordida sufrida nunha das súas pernas.
A espera de que o xulgado determine que facer cos animais explica o edil de interior que os seus propietarios “están desolados polo acontecido” e confirma que tiñan todos os permisos dos animais en regra.