A inesperada derrota ante o Peñasco da pasada xornada evitou que os de Chapela celebrasen o ascenso directo a Segunda Autonómica. Este domingo aínda teñen opción de facelo no último partido de liga, ante o Lavadores, cos vigueses empatados a puntos. No campo do Meixoeiro contarán co apoio da súa afección.
A derrota por 1-2 do Chapela ante o Peñasco pon moi interesante a última xornada, xa que ata tres equipos pelexarán polo ascenso directo. O Chapela visita o campo do Meixoeiro para enfrontarse ao Lavadores, e só lle vale gañar. O Chapela é 2º e os vigueses 3º, pero empatados a puntos. O gañador ascende directamente a Segunda Autonómica, e o perdedor xogará a promoción de ascenso. Diego Gil, director deportivo do Chapela, lamenta a oportunidade perdida ante o Peñasco, pero asegura que pelexarán “con ilusión” neste último partido, xa que teñen aínda “todas as opcións”. Os dous rivais se coñecen ben, están igualados a puntos na táboa, e serán “pequenos detalles” os que marquen as diferenzas no partido. O equipo vive estes días “con nervios” á espera de que chegue o encontro, para o que confían contar con todos os xogadores, recuperados xa algúns de pequenas lesións. O encontro será o domingo, ás 17.00 horas, no campo do Meixoeiro. Gil confía en que estarán “case como na casa” xa que se agarda a presenza de moitos seareiros do Chapela na grada viguesa. Corpo técnico, directiva e xogadores das categorías base do club estarán tamén arroupando ao equipo. Será un partido trascendental, o que gañe estará xa en Segunda Autonómica. Pero de darse un empate podería sair beneficiado outro equipo redondelán, o Atl. Vilar, que está a 1 punto deles. Se o partido do Meixoeiro acaba en táboas, e os de Vilar gañan na casa o derbi ante o Peña Beretes, serán eles os que suban á 2ª praza e acaden o ascenso directo. O encontro será o domingo ás 16.00 horas. Promoción de ascenso do Cesantes Por outra banda, o Cesantes xa coñece ao seu rival para os cuartos de final na promoción de ascenso. Será o C.D. Portas, co que xogará o domingo en Pontecaldelas. En Chan da Barcia, ás 17.00 horas.