Hoxe é Venres 29 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O PSOE abandona o pleno tras un tenso arranque pola intervención veciñal a conta do transporte

RR_Noticias

Un cento de veciños de Chapela e Trasmañó protagonizaban a curta sesión plenaria celebrada na xornada de hoxe. Mantiveron nada máis arrancar un tenso debate co alcalde, Javier Bas, a quen lle recriminaron “a súa pasividade” ante a eliminación das bonificacións no Vitrasa aos veciños non empadroados en Vigo. Unhas críticas ás que Bas respondía que “todo o que había que facer está feito, agora toca esperar o que decida o xuíz”. Resposta que non convencía aos veciños que ante a imposibilidade de participar no pleno decidían abandonar o Multiúsos. A continuación levantábanse os concelleiros do PSOE e, xa na quenda de mocións, ausentábanse tamén o concelleiro nacionalista e o edil non adscrito.

Previamente ao plante da maior parte da oposición -tan só quedaron os representantes de AER- Javier Bas explicaba que nestes momentos están á espera do que ditamine o xuíz respecto das medidas cautelares solicitadas dende Redondela. Ditas medidas consistirían en permitir aos usuarios do Vitrasa empregar a tarxeta verde ata que non se resolva o contencioso administrativo presentado polo Concello. Engadía que “o problema non está no concello de Redondela, o problema é do alcalde de Vigo que foi quen fixo que estas tarxetas deixaran de funcionar”. Palabras que eran recibidas con apupos por parte dos veciños quen insistían que dende o goberno de Redondela non se están a defender os intereses dos veciños “mentres se espera a resolución dos xuíz os que temos que pagar o sobrecuste nos billetes somos nós”. Volvían esixir unha solución que pasa “porque a Xunta negocie con Vigo e se poña en marcha o transporte metropolitano”. Ante a imposibilidade de intervir, os veciños decidían abandonar o Multiúsos e, de seguido, levantábanse tamén os concelleiros socialistas. Xa na rúa explicaban que os motivos que os levaron a levantarse do pleno foi o trato que o grupo de goberno lles dispensaba aos veciños de Chapela. “Deben ter a posibilidade de intervir no pleno cando están a afrontar un problema tan grave como o do transporte con Vigo, do mesmo xeito que tamén os grupos da oposición deberíamos ter a posibilidade de argumentar a nosa postura e que non se escoite exclusivamente a voz do alcalde” explicaba xa fóra do edificio o socialista Eduardo Reguera. Unha sesión plenaria que quedaba así baixo mínimos e na que non se debatía ningún asunto, ao retirar AER as mocións que tiña pendentes e non intervir na proposta do PP de adherirse a un convenio en prol a transparencia e o bo goberno. Proposta que saíu aprobada cos únicos votos a favor do goberno.  Serviu, iso si, para que os veciños amosaran unha vez máis o seu malestar ante un conflito que entenden é exclusivamente político, froito do enfrontamento entre o socialista Abel Caballero e o PP, tanto na Xunta como no goberno de Redondela. Un conflito que lles supón un custe económico importante, xa que ao non ter acceso á Pass Vigo, exclusivamente para os empadorados nesa cidade, teñen que abonar por cada billete de Vitrasa 1,35 euros fronte aos 0,89 que pagaban ata o pasado 16 de abril. Para amosar o seu malestar protagonizaron unha chamativa protesta achegándose ao multiúsos meida hora ante do inicio do pleno montados en cuadriciclos.    

Javier Bas alcalde
Explica as novidades existentes no tema do Vitrasa
Tenso debate
os veciños critican a falta de avances
Eduardo Reguera PSOE
Explica os motivos que os levaron a ausentarse
Digna Rivas PSOE
Aseugra que a Xunta non tentou avanzar no transporte metropolitano con Vigo
Angela Méndez AVV
A vicepresidenta do colectivo veciñal reclamaba solucións aos políticos

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará