O evento, que se vén celebrando nos últimos once anos na Finca do Cadaval en Reboreda no mes de xullo, suspende a edición deste ano ante a imposibilidade de cumprir os requisitos solicitados dende o Concello para outorgarlles o correspondente permiso municipal. Aseguran que non é un adeus e que tentarán regresar no vindeiro ano con máis forza. Os organizadores analizarán agora como celebrar o festival acatando a normativa que establece o departamento de Interior.
Explican dende a organización do festival, que arrancaba a súa andaina no ano 2006, que “levamos un longo tempo que o concello na vez de axudar está a poñernos bastantes trabas con respecto á localización pedíndonos detalles técnicos que para un festival que se autoxestiona son moi difíciles de asumir”. A primeira noticia que tiveron ao respecto foi horas antes de que arrancara a edición do ano pasado. Explica Xoel López que “recibimos un escrito da concellería de interior na que se nos enumeraban unha serie de requisitos que debíamos cumprir para poder acceder a perceptiva autorización municipal: documentación técnica do palco, plan de emerxencia e seguridade subscrito por técnicos competentes, estudo de impacto acústico…” A menos de 24 horas para que se iniciase o festival decidiron continuar co evento malia non contar con dita autorización. Este ano, para non arriscarse a cometer algunha ilegalidade, optan por suspender. Dedicarán estes meses a analizar as posibles opcións. Unha delas sería cambiar de ubicación e trasladar os concertos ao campo de fútbol de Reboreda. Cambio que non lles convence por entender que é moito máis axeitado o lugar actual e porque precisarían dun investimento maior para a contratación tanto dun equipo de son con maior potencia como dun palco de maior tamaño. Respecto do palco fan tamén unha petición: que dende o concello se apoie aos colectivos que organizan este tipo de actividades cedendo material en xeral e o palco en particular.