Ás 20:30 horas desta tarde a Asemblea Feminista convoca baixo o lema “Non foi un abuso, foi unha violación” unha concentración diante do Xulgado de Redondela. O colectivo redondelán súmase así aos actos convocados en toda España por distintas organizacións feministas que se repetirán a mesma hora nas sete cidades galegas. Mobilizacións que chegan logo de que este mediodía a Audiencia Provincial de Navarra dese a coñecer a sentenza que condena aos cinco mozos a nove anos de prisión por un delito continuado de abuso sexual a unha moza de 18 anos o 7 de xullo de 2016 durante a celebración do San Fermín e non por agresión sexual.
O tribunal considerou que os integrantes do grupo son culpables dun delito de abuso sexual e non de agresión sexual, tal e como pedía a Fiscalía e a acusación particular, e do que foron absoltos. A Audiencia entende que houbo abusos, pero non intimidación nin violencia, de aí que os absolva de agresión sexual continuada que solicitaban fiscalía e acusacións, pola que pedían entre 22 e 25 anos de cadea. Tamén foron absoltos dun delito contra a intimidade e só un deles foi condenado a 900 euros de multa polo furto do móbil da moza.
A sentenza contou co voto particular discrepante do xuíz Javier González, que avogaba pola libre absolución dos cinco. Todas as partes xa anunciaron que van recorrela ante o Tribunal Superior de Xustiza de Navarra.
Os colectivos feministas concentráronse xa esta mañá ás portas do Pazo de Xustiza de Pamplona para seguir a sentenza deste caso. Con berros de “non é abuso, é violación”, amosaron a súa desconformidade coa decisión do tribunal. As concentradas manifestaron o seu apoio á vítima de “La Manada” e denunciaron as situacións de violencia que sofren as mulleres en España.
Actos de rexeitamento que se repetirán esta tarde en todo o país, tamén en Redondela, onde a Asociación Feminista Paxaretas vén de convocar unha concentración ás 20:30 horas diante do Xulgado porque din “estamos fartas da complicidade do sistema xudicial coa cultura da violación” e consideran que “non foi un abuso senón unha violación”.