O pavillón da Marisma acolle este sábado o Campionato Provincial de Taekwondo en idade escolar. Ao longo de toda a xornada haberá exhibicións e competicións nas que participarán clubes de toda a provincia. O concelleiro de Deportes, Julio Mougán, agarda que esta actividade sirva para dar a coñecer esta disciplina das artes marciais ao público redondelán.
Entre as 10:00 e 12:30 da mañá 350 participantes saltarán ao tapiz para exhibición, e pola tarde 150 entre as 15:30 e 19:30 realizarán a modalidade de competición. As categorías participantes serán alevín e infantil. En total participan 19 clubes de toda a provincia de Pontevedra. Mougán explica que Redondela sempre destacou pola súa actividade deportiva en moitas disciplinas, pero as artes marciais aínda non teñen demasiada implantación. Por iso o concelleiro entende que campionatos coma este “poden servir para promocionar esta modalidade”. Desde o Concello agradecen tamén a confianza da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Taekwondo para elexir Redondela como sede deste campionato. Unha boa oportunidade, segundo Mougán, para presenciar taekwondo en idade escolar, unha disciplina que conta xa cun club na vila, Omnihum, e que se está a facer un oco dentro da ampla oferta deportiva redondelá.