A vitoria ante o Sampaio na última xornada leva aos de Juan Amoedo a celebrar o ascenso directo a Primeira Autonómica logo dunha espléndida temporada. E xa é o segundo en tan só tres anos. Agora o club confía tamén no ascenso do equipo feminino, que está líder na Segunda Galega, para completar unha campaña redonda.
O domingo no campo da Xunqueira déronse todos os ingredientes para unha final de infarto. Os dous rivais e veciños pelexaban polo segundo posto, que lles daba o ascenso directo, e ademais tiñan que agardar que o Moraña non gañase en Marín. E imnpúxose o equipo de Juan Amoedo. O Arcade remontou o tanto inicial de Iván, de penalti. David Campos, tamén de penalti, empatou o partido e finalmente Bouzón fixo o gol da vitoria que significou o ascenso a Primeira, grazas tamén á derrota do Moraña. No club de Soutomaior festexan o éxito, froito “do excelente traballo realizado ao longo de toda a temporada”, como lembra o presidente Miguel García. Mención especial merecen para o presidente o adestrador Juan Amoedo, e o resto do corpo técnico con Nandi, Curry e Rober. Conseguiron dous ascensos en tres anos, un obxectivo moi difícil de acadar, e que foi posible grazas ao seu esforzo e compromiso, ao igual que o do plantel de xogadores, que García cualifica de “marabillosos”. Arcadia E.F. feminino Para pechar unha temporada redonda, no club confían en poder celebrar tamén o ascenso do equipo feminino, actual líder do seu grupo na Segunda Galega. Na pasada xornada golearon ao Balaídos, pero aínda quedan catro xornadas. O xoves visitan o campo do Noalla, situado na metade baixa da táboa, e o domingo reciben no Salgueirón ao Vilariño, actualmente na 5ª posición. Os dous últimos rivais serán o Atl. Arousana e o Armenteira, os dous situados nos últimos postos da táboa. Por iso o presidente confía en poder celebrar tamén o ascenso do Arcadia E.F. Os números de equipo feminino son espectaculares. Nas 32 xornadas disputadas suman 29 vitorias, dous empates e unha única derrota.