A Deputación de Pontevedra reabre hoxe oficialmente o castelo de Soutomaior cunha gala “repleta de música e moitas sorpresas”, segundo avanzou a presidenta provincial Carmela Silva. O evento, que terá lugar a partir das 19.00 horas nos xardíns da fortaleza, servirá para presentar publicamente o proxecto de musealización que acaba de finalizar e no que se investiron 700.000 euros.
A presidenta da Deputación mostrou a súa satisfacción pola “altísima” demanda que está a rexistrar o castelo tras o anuncio da súa reapertura. As xornadas de portas abertas, que arrancaron o domingo, continuarán os próximos días 20, 21, 22, 24 e 25, coa posibilidade de realizar un percorrido polo castelo a través de visitas libres e guiadas. Para participar nas visitas guiadas, que terán lugar ás 11.00 e 17.00 horas (a partir do día 21) será preciso realizar unha inscrición previa a través do correo electrónico castelodesoutomaior@depo.es, xa que as prazas están limitadas a 22 persoas por grupo.