A colaboración cidadá permitiu identificar a unha persoa cando estaban a depositar lixo fóra dos colectores e sen previo aviso no Camiño das Laxes en Trasmañó, malia tratarse, segundo explican dende Medio Ambiente, de obxectos algúns deles perigosos. “Pezas de uralita, aceites de motor e rodas formaban parte do lixo que este veciño estaba a tirar ao carón dun colector”. Con todo non foi o único caso. En Chapela outra persoa foi identificada por depositar unha caixa con múltiples obxectos domésticos.
Uns feitos que levaron ao departamento de Medio Ambiente a abrir expediente sancionador contra cada un dos veciños identificados. Ante esta situación, que se repite de xeito reiterado, lembran dende esta concellería que hai un número de teléfono 986 408034 para chamar no caso de necesitar a recollida de voluminosos e que a súa retirada faise de xeito gratuíto, evitando así que este material quede almacenado ao carón dos colectores “unha práctica que é perseguida e sancionada”.
O pasado ano foron 1664 as chamadas que atendeu Urbaser para recoller todo tipo de material. No que vai de ano retiráronse 196 colchóns, 137 cadeiras, 38 Armarios, 46 somieres así como innumerables obxectos como mesas, lavadoras, neveiras ou televisores.
Outras practicas como deixar uralitas ou produtos perigosos na vía pública son sancionados con multas cuantiosas xa que en ningún caso son inferiores aos 1500 euros.
Desde o departamento de Medio Ambiente infórmase que en moitas ocasións os restos depositados non se quitan de inmediato por varios motivos, entre eles, para poder investigar a procedencia e polo complicado da súa retirada ao seren as veces materiais perigosos cos que hai que seguir un protocolo.