A secretaría provincial da Unión Federal da Policía (UFP) critica a iniciativa do BNG de Redondela de expoñer no seu local a mostra do Colectivo Republicano “A criminalización do pensamento”, logo de que fora censurada polo goberno local o pasado mes de outubro. A exposición inaugúrase hoxe ás 20.00 horas na Praza da Constitución.
Desde UFP acusan os nacionalistas de ter “obsesión” con todo o que sexa ir contra as forzas e corpos de seguridade do Estado. Advirten que estarán “moi atentos” ao contido da mostra e que no caso de que incite ao odio ou sexa constitutivo de ilícito penal inciarán accións legais. A exposición “A criminalización do pensamento” amosa principalmente feitos acontecidos nos anos 80 en Redondela, mediante fotografías e recortes de xornais que daban conta das mobilizacións que tiveron lugar na vila en 1987 tralo peche da factoría téxtil de Regojo. Moitas veciñas e veciños foron detidos e golpeados pola policía. Tamén se atopan imaxes dos últimos fusilados polo réxime franquista, cunha especial referencia ao vigués José Humberto Baena Alonso, fusilado no ano 1975. A mostra, que fora censurada e retirada do Multiúsos da Xunqueira polo goberno de Redondela, alegando que podía incorrer nun delito de incitación ao odio, poderá verse na sede do BNG, na praza da Constitución. A inauguración terá lugar hoxe ás 20.00 horas na praza da Constitución a cargo do Colectivo Republicano, e contará coas intervencións do voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González e o deputado nacionalista Luis Bará. Unha exposición que inicialmente fora autorizada polo goberno local pero que os poucos días decidiu retirala do Multiusos, logo dunha denuncia a través das redes socias feita polo sindicato policial UFP. Unha decisión que para o responsable local do BNG, Anxo Lusquiños foi claramente “un atentado contra a liberdade de expresión”. A mostra poderase visitar ata o 8 de xuño, en horario de 19.00 a 21.00 horas no local do BNG de Redondela tras chegar a un acordo co Colectivo Republicano.